Vieiros: Galiza Hoxe

A Galiza Irredenta



Supoño que aqueles que nunca pertenceron nin pertencen a unha Nación con seculares dificultades de se organizar soberanamente como tal ou que fican, deliberadamente ou non, alonxados deste tipo de preocupación e sensibilidade íntima e colectiva, parecera-lles unha simpleza, cando non unha perfecta parvada, falar hoxe en dia da "Galiza irredenta", deses homes e territórios que un dia foron galegos e hoxe non o son por claras aínda que complexas razóns. Pode un imaxinar sen esforzo o aceno e ata os posíbeis epítetos dirixidos por tales interlocutores a quen para "gañar o seu tempo", o perderia -según eles- en tales anacronismos románticos.

Sen embargo, fronte a tal insensibilidade e esmagadora postura, que nada quere coñecer nin cambiar, hai que contrapoñer a História e mailo presente, reafirmar a necesidade de se rebelar contra os determinismos político-administrativos e incidir nas posibilidades que o tempo presente oferece de formular-se e reconsiderar cuestións até agora fechadas por posicións "borbónicas" e radicalmente tabúes por ineluctábel domínio da "Realpolitik".

Cando se fala disto non se está fora do tempo nin se exerce unha inútil sublimación da História. Aténde-se á situación actual de crise do Estado unitário e aténdese tamén a que o crecente fenómeno plurinacional (estatalizado) exixe que os novos centros políticos nacionais se configuren axeitadamente e non deixen "no man lands" nos que habiten persoas desarraigadas da sua pertenza territorial, cultural e lingüística, no seu caso.

Formular unha cuestión así - e profundizar nela- implica espir-se da moita carga histórica centralista e supón, asemade, valorar en todo o seu alcance dunha filosofia de liberdade humana individual que se engrandece coa sua dimensión grupal e nacional.
A Galiza Irredenta (Xerais, 1998, Álvaro Xosé López Mira)

No hay comentarios: