Vieiros: Galiza Hoxe

1 de Abril:

Son garda civil e considérome independentista”
Contactamos cun axente que leva o adhesivo 'GZ' no seu automóbil particular.

Redacción - 10:20 01/04/2008
Tags: vieiros 1 de abril
A semana pasada saltou a polémica. Segundo o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), mandos da Garda Civil aconselláronlle aos axentes que tomasen datos dos vehículos que portasen o adhesivo 'GZ'. Este mesmo luns, a Unión de Gardas Civís de Galicia sinalaba que non tiña constancia destes feitos. Porén, sinalaban que, de confirmarse, serían censurábeis xa que “o uso das siglas GZ está xeralizado. En case todas as familias as porta algún membro, até gardas civís”. Seguindo estas informacións, en Vieiros logramos contactar cun garda civil que ten este símbolo no seu coche particular. Manuel Verde Verde (o nome é ficticio xa que o funcionario prefire manterse no anonimato), comenta con nós a última polémica.

-Vostede leva o símbolo 'GZ' no seu coche, por que tomou esta decisión?
-Pois a verdade é que cando comprei o coche de segunda man en Baio xa traía a “pegata”. Quedáballe moi ben, porque o coche é negro e contrasta co fondo branco que ten o adhesivo. Ademais eu son galego, sen complexos.

-E non lle trouxo problemas ter este distintivo?
-Ninguén me dixo nada. Bueno, tiven un sarxento que unha vez me chamou a atención e díxome que polo menos tiña que poñer o E no outro lateral...para compensar. Pero non lle fixen caso, claro.

-Vostede como se define politicamente?
-Pois eu sonlle independentista...

- Pero vostede é garda civil...como é compatíbel isto?
-Imos ver, este é un choio coma calquera outro. O que temos que acabar é dunha vez con tanto prexuízo. Eu mentres fago o servizo son garda civil e logo son persoa. E logo un funcionario do INEM non pode celebrar o Día da Patria?

- A verdade é que mirado así...
- O que pasa é que o país está cheo de tópicos. Se vostede estivese nalgúns cuarteis ficaría sorprendido. O meu caso non é o único, nin moito menos. Hai de todo. De feito, eu coñecín en Pontevedra un oficial que era reintegracionista co que moito teño discutido, porque eu sonlle máis da opción ILG-RAG.


Esta nova pertence á Edición especial Vieiros 1 de abril

No hay comentarios: