
Fonmiñá é unha pucharca entre prados, non moi grande, veireada de espadanas e cercada cunha tea metálica que non pode ser máis antiestética. Por cada banda da pucharca ergueron dous moimentos: un cruceiro mais ben probe e, defrente, un grupo escultórico que representa a un vello barbado cunha serpe rubíndolle polas pernas que se lle enrola á cintura e na base, duas figuras femeninas. Todo moi raquítico e moi feo como o chapeo de Napoleón primeiro, como dixo Francis Jammes.
O Miño provocou poucos poemas. Lembramos versos que lle adicaron Díaz Jácome, Iglesia Alvariño,
Avelino Díaz, Augusto Casas… e pouco máis. Botamos de menos na nosa literatura o gran poema ó Miño e o gran poema a Compostela. Para acometer con éxito estas empresas compría, como escribiría un romántico, o estro poético de Pondal. Non estaría mal, e aínda sería precisa, unha biografía do Miño. Don Ramón Otero Pedraio era o home indiscutible pra escribila.
Entre o Pedregal de Irima e Fonmiñá está a viliña de Meira, xurdida ó redor do mosteiro bernardo. Hoxe o edificio do mosteiro é casa consistorial e rectoral. A eirexa, dende a desamortización, quedou convertida en templo parroquial. Un fermoso e sobrio exemprar gótico, sin adornos, con retábulos e imaxes barrocas. Na fábrica do edificio mistúrase a pizarra –xisto- e a cantería. Sería fermoso e útil inventar unha teoría que explicara a relación que hai entre o marmurio do río neno coas súas melodías e as súas pausas- e cos capíduos da régoa de San Bernardo, escritas nun latín doado e armonioso.
Vale a pena ver o nacemento do Miño, ollar as súas claras fontes montesías e comprobar como a auga –pura, limpa e inocente- baixa estarabouzando e brincando entre penedos como os cervos dos nosos cancioneiros. Dende Irima óllase a Terra Chá inmensa, gris e verde. A unha banda están os prados bricios de Seixosmil. A outra, nun outo, según se vai prá Pontenova, Alvare. Voltando para Lugo temos que pasar por Paraxes, un val breve, prodixiosamente verde que xa quere ser Terra Chá. Ou que xa a é.
En Castro de Rei, entre Quintela e Bendia, o Miño é dunha insuperable fermosura, cos seus caneiros e as súas insuas. Mais onde acada a súa plenitude é en Outeiro de Rei, no Campo de Santa Isabel. O contemplar tal beleza lembramos os versos de Avelino Díaz:
Un río con tantos pulos
non pode nacer no chan;
ten que nacer nunha serra
grávida de maxestá.