Luis Chapela Bermúdez - Moaña
Amancio naceu hai un feixe de anos en Meira, Lugo, pero sendo un mozo abandonou aquelas terras e veu a vivir á beira do mar, na parroquia de Chapela (Redondela). Aquí coñeceu a Chelo, que hoxe é a súa esposa, tiveron fillos e foron moldeando o seu fogar na parte alta da parroquia. Cando era neno ía á escola da aldea, na que o mestre lle dicía que o río Miño nacía en Fonte Miñá, tanto el coma os outros rapaces así o crían. Daqueles anos lembra aquel lugar (Fonte Miñá) rodeado de campos onde se sementaba o millo e despois herba. Os traballos facíanse a man, hoxe todo é con máquinas. A pouca distancia de Fonte Miñá hai un muíño chamado de Matías, que se sirve da auga da pequena lagoa que alí hai, aínda hoxe é una satisfacción mirar traballar aquel muíño.Cando se carretaba a herba seca nos carros do país, para despois nos quinteiros das casas facer os palleiros, unha tarde seica dúas vacas saíron asustadas pola incomodidade que lle daban as moscas levando o carro arrastro, intentaron paralas pero non foron capaces, segundo a xente que estaba presente o carro e máis o gando caeron na pequena lagoa e foron para o fondo, nunca máis apareceron. Hoxe aquel recinto está protexido por unha valla. Pero mira por onde co paso dos anos Amancio escoita que sitúan o nacemento do Miño no Pedregal, na Serra de Meira, máis concretamente en Irimia Alta. O certo é, que Fonte Miñá e un lugar que ten moita sona, situado no concello de Pastoriza, pero o regato que leva a auga ata alí é o que nace no Pedregal, en Meira, así deste xeito, xurde unha disputa entre os veciños que algúns aínda manteñen hoxe.Lembra Amancio, o que naqueles anos se contaba no Pedregal, lugar situado na ladeira da Serra de Meira, dicían algúns veciños que xa morreron, que polo interior da serra pasa un gran río moi profundo que é o pai do Miño. Outros din que o Pedregal foise formando porque cada muller que pasaba por alí ía deixando pedras no mesmo sitio. Seguramente que haberá outras lendas e outros contos destes lugares emblemáticos que xa son parte da nosa historia. Amancio que compartiu con nós estes recordos da súa infancia, é home respectuoso coas tradicións do país, coa natureza, coa fala, e que lle gusta percorrer Galicia cando o traballo en Casa Cándido llo permite, pois como el di: "A min gústame andar por onde pisa o boi".Luis Chapela Bermúdez - Moaña
Martes 10 de octubre de 2006
El faro de Vigo (cartas o Director)
No hay comentarios:
Publicar un comentario