Vieiros: Galiza Hoxe

Miño Meirego


Fonmiñá é unha pucharca entre prados, non moi grande, veireada de espadanas e cercada cunha tea metálica que non pode ser máis antiestética. Por cada banda da pucharca ergueron dous moimentos: un cruceiro mais ben probe e, defrente, un grupo escultórico que representa a un vello barbado cunha serpe rubíndolle polas pernas que se lle enrola á cintura e na base, duas figuras femeninas. Todo moi raquítico e moi feo como o chapeo de Napoleón primeiro, como dixo Francis Jammes.
O Miño provocou poucos poemas. Lembramos versos que lle adicaron Díaz Jácome, Iglesia Alvariño, Avelino Díaz, Augusto Casas… e pouco máis. Botamos de menos na nosa literatura o gran poema ó Miño e o gran poema a Compostela. Para acometer con éxito estas empresas compría, como escribiría un romántico, o estro poético de Pondal. Non estaría mal, e aínda sería precisa, unha biografía do Miño. Don Ramón Otero Pedraio era o home indiscutible pra escribila.
Entre o Pedregal de Irima e Fonmiñá está a viliña de Meira, xurdida ó redor do mosteiro bernardo. Hoxe o edificio do mosteiro é casa consistorial e rectoral. A eirexa, dende a desamortización, quedou convertida en templo parroquial. Un fermoso e sobrio exemprar gótico, sin adornos, con retábulos e imaxes barrocas. Na fábrica do edificio mistúrase a pizarra –xisto- e a cantería. Sería fermoso e útil inventar unha teoría que explicara a relación que hai entre o marmurio do río neno coas súas melodías e as súas pausas- e cos capíduos da régoa de San Bernardo, escritas nun latín doado e armonioso.
Vale a pena ver o nacemento do Miño, ollar as súas claras fontes montesías e comprobar como a auga –pura, limpa e inocente- baixa estarabouzando e brincando entre penedos como os cervos dos nosos cancioneiros. Dende Irima óllase a Terra Chá inmensa, gris e verde. A unha banda están os prados bricios de Seixosmil. A outra, nun outo, según se vai prá Pontenova, Alvare. Voltando para Lugo temos que pasar por Paraxes, un val breve, prodixiosamente verde que xa quere ser Terra Chá. Ou que xa a é.
En Castro de Rei, entre Quintela e Bendia, o Miño é dunha insuperable fermosura, cos seus caneiros e as súas insuas. Mais onde acada a súa plenitude é en Outeiro de Rei, no Campo de Santa Isabel. O contemplar tal beleza lembramos os versos de Avelino Díaz:

Un río con tantos pulos
non pode nacer no chan;
ten que nacer nunha serra
grávida de maxestá.

3 comentarios:

miguel dijo...

Moi boa web si señor.
Saudos dun meirego de toda a vida.

Suso López dijo...

O certo e que si que cheira algo a rancio calquer tipo de consideración de Fonmiña como nacemento do Miño...

Mais tampouco imos menosprezar a lagoa, que como un dos primeiros afluentes non está mal, e pra ir de merenda tampouco...

No que si que discrepo é no tema do gran poema do Miño, eu creo que o poema de Avelino esta moi ben... podia ser de Curros ou Pondal, bueno pois non o é, pero é noso, dun meirego, coma o nacemento do miño, que tamen é de Meira.


Vaia ben

Anónimo dijo...

Considero que ten varios erros ou falta de claridade esta narración.Comezo por orde de aparición:
1. Espero que sepas quen é a estatua da Fontemiñá. De non ser así sería unha falta de respeto as nosas tradicións e lendas coma a de que Breogán (Deus esculpido na Fontemiñá) é as súas ninfas enxendraron o primeiro galego.
2. A nosa igrexa (colexiata) non é gótica.Como moito e románica tardía da orde do císter.É colexiata porque era sede do colexio de filosofía xa no final do explendor do mosteiro.
3. A casa do concello non pertence á mesma época ca igrexa é máis moderna.
4. O noso mosteiro non foi exclusivo de monxes bernardos e anteriormente foi de benedictinos. Ademáis dos seus hábitos (vestimentas)cambian tamén os seus hábitos (costumes).
Non mo tomes a mal pero paréceme que un lugar tan meirego coma este debe estar máis ilustrado.
Un saúdo meirego.